ESTE VERÁN, COMO NUNCA!

ESTE VERÁN, MÁIS CA NUNCA!

ESTE VERÁN, TODO HA SEGUIR BEN!

 

MAÑÁS DE VERÁN, CAMPAMENTOS URBÁNS DA FEDERACIÓN DE CENTROS XUVENÍS DON BOSCO DE GALICIA NA CORUÑA, LUGO, SANTIAGO, OURENSE E VIGO

Estamos a vivir unha situación nova, na que non queremos deixar de apoiar a nenos e nenas, adolescentes e mocidade nesta crise. Despois de meses de encerro nos que faltaron estímulos, relacións, estrutura… crémonos na obriga de, NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, ofertar actividades de tempo libre educativo para:

  • retomar as relacións e os procesos persoais e colectivos da infancia e da xuventude;
  • non estigmatizar a poboación máis vulnerable;
  • avaliar os impactos desta crise na infancia e tentar paliar os danos sufridos, de calquera tipo;
  • educar para a saúde a través do xogo, formándonos na adquisición de hábitos de hixiene;
  • cumprir co dereito fundamental ao lecer contemplado na Convención dos dereitos do neno e da nena.

Por todo isto, imos acentuar as medidas de protección da saúde e hixiene dos participantes nas actividades de verán, respectando e cumprindo, no dia a día, as condicións e obrigacións hixiénico-sanitarias vixentes: primaremos a asunción de novas rutinas de seguridade (suficientes, realistas, axustadas) e crearemos protocolos axeitados ás circunstancias, con pautas claras e sinxelas para todos e todas.

Somos un grande equipo de profesionais e voluntariado que opta polo tempo libre educativo. Coma sempre e NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, ímonos reinventar, como vimos facendo desde hai décadas, con fórmulas creativas, adaptadas, pragmáticas, con sentidiño común e sanitario. Será unha planificación estruturada, realizable, con actividades e procedementos que contemplen diversos escenarios; unha planificación que tentará compensar os efectos do confinamento coa presenza das persoas adultas de referencia, ao aire libre, promocionando a responsabilidade persoal, a intelixencia emocional, a relación entre iguais en pequenos grupos, a actividade física e a educación na saúde.

Seguimos defendendo, como todos os anos e NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, as actividades de tempo libre educativas, por seren experiencias inesquecibles, porque con elas os participantes o pasan en grande, fan novas amizades, divírtense, melloran as súas habilidades sociais na relación cos outros, medrando no respecto, na tolerancia e na liberdade, aumentan a autoestima e a confianza propias, desenvolven a súa independencia e autonomía, aprenden e practican valores, asumen un estilo de vida saudable a través das rutinas diarias e danlle valor á familia e ao seu fogar.

Tamén pretendemos axudar, NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, a moitísimas familias na conciliación da vida persoal, familiar e laboral, proporcionándolles a tranquilidade de saber que os seus fillos e fillas se encontran en boas mans, participando nos proxectos de tempo libre educativo de verán ao carón dos animadores e animadoras da Federación de Centros Xuvenís don Bosco de Galicia.

Vémonos nas rúas e parques da túa cidade, NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA!

#nesteveránmáiscanunca

 

A Federación Don Bosco de Galicia

Somos unha entidade prestadora de servizos á mocidade, nacida en 1993. Abarca uns 500 voluntarios e voluntarias e 4.600 destinatarias e destinatarios directos entre nenos e nenas e mozos e mozas.

Contamos con 14 profesionais técnicos traballando no total das 5 asociacions xuvenís de Galicia.

Traballamos a prol do desenvolvemento integral da infancia e da mocidade galega, mediante a educación non formal, a promoción do voluntariado, a animación sociocultural e o tempo libre.

Entidades membro da Federación Don Bosco de Galicia: